A responsable da área sanitaria do BNG, Montse Prado, denunciou este mércores o que considera que é unha "estratexia privatizadora sen límites" do PP na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Prado realiza esta valoración despois de que esta semana a Xunta de Galicia sacara a concurso a contratación de servizos sanitarios complementarios aos que presta o Servizo Galego de Saúde (Sergas) nesta área sanitaria por 11,1 millóns de euros.
Para a nacionalista, o PP está a "derivar á privada a asistencia sanitaria de máis de 300.00 persoas" nesta área sanitaria e considera que resulta "totalmente inaceptable" a xustificación por parte do PP de que o fai para "mellorar a calidade da asistencia".
En resposta a este argumento, Prado lembra que "está demostrado" que a xestión da sanidade por empresas privadas "leva consigo un maior gasto, unha mingua na calidade asistencial que recibe a poboación, perda de postos de traballo e maior precariedade".
Segundo asegura, esta "privatización asistencial" afecta a consultas, intervencións cirúrxicas, probas diagnósticas ou prevención.
Considera "inaceptábel" que o Sergas "na vez de dedicar estes recursos á sanidade pública para dar resposta ás necesidades sanitarias, opte por deixala baixo mínimos mentres destina millóns de euros a unha multinacional para facer unha actividade que se pode e debe realizar nos hospitais públicos".
Prado reclama á Xunta que "rectifique", que "deixe de actuar como comercial das empresas privadas e dos fondos de investimento" e pide destinar eses 11 millóns de euros do contrato marco a tomar medidas para solucionar os problemas estruturais da área, a dotala de recursos e a realizar as contratacións e substitucións precisas de persoal.