O BNG denuncia que a Xunta pretende consolidar ELNOSA na ría de Pontevedra

Pontevedra
25 de novembro 2016

O BNG denuncia que a Xunta pretende consolidar ELNOSA na ría de Pontevedra. Para o BNG, a Xunta está preparando o terreo para a ampliación da concesión máis alá da data de caducidade, 2021

Presentación das iniciativas parlamentarias en materia de mobilidade do BNG
Presentación das iniciativas parlamentarias en materia de mobilidade do BNG / Mónica Patxot

O grupo do BNG no Parlamento galego, através do deputado por Pontevedra, Luís Bará, denuncia publicamente as manobras do goberno galego para consolidar a empresa cloreira ELNOSA na ría de Pontevedra, en contra das determinacións contidas en normas como o Plan de Ordenación do Litoral (POL) ou as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), aprobadas polo goberno galego, que clasifican os terreos en que se asenta a fábrica como "zona de mellora paisaxística".

Ante o anuncio do inicio do procedemento para a revisión e ampliación da autorización ambiental integrada a ELNOSA, o BNG, a través do deputado por Pontevedra Luís Bará, presentará varias preguntas parlamentarias ante a comisión de medio ambiente e o pleno, "para que a Xunta de Galicia aclare as súas intencións e os acordos acadados coa empresa".

Por outra parte, por medio dunha proposición non de lei, o grupo parlamentario do BNG solicitará un pronunciamento da cámara en contra da continuidade da empresa en terreos de dominio público marítimo terrestre, na enseada de Lourizán.

O BNG considera que con estas decisións da Xunta de Galicia estase preparando o terreo para a ampliación da concesión á empresa máis alá da data de caducidade, 2021. "O que se prepara é outro trato de favor semellante a concedido a ENCE, ampliando a concesión de ELNOSA ao amparo da nova lei de Costas, entregándolle gratuitamente terreos de dominio público martítimo terrestre a unha empresa privada". 

"O que se prepara é outro trato de favor semellante a concedido a ENCE"

O BNG denuncia tamén públicamente os "enganos e mentiras do PP, que anunciou repetidamente o peche e traslado da factoría e agora está manobrando, mediante a renovación da autorización integrada, para favorecer os intereses da empresa e facilitar a súa continuidade nuns terreos públicos que deben ser recuperados outros usos". 

O deputado nacionalista lembra que na comarca de Pontevedra existe un "elevado consenso en contra da continuidade da empresa ELNOSA na súa ubicación actual, por tratarse dunha actividade molesta e perigosa e por constituír unha auténtica bomba de reloxería e unha ameaza para a poboación da contorna".

Por último, Luís Bará incidiu en que os anuncios e decisións do goberno galego estanse tomando de costas ao pobo e ao concello de Pontevedra, empregando unha lexislación feita á medida para pasar por riba da administración municipal e favorecer intereses privados. 

Arquivado en