O BNG denuncia a política "rancia e antigalega" do PP ao suprimir as actividades do Apalpador este Nadal

Pontevedra
29 de novembro 2023

Para os nacionalistas, a supresión do Apalpador é un exemplo da "nula sensibilidade e interese por defender a lingua e as tradicións galegas" do novo goberno provincial do PP. A deputada María Ortega ve nesta eliminación “un novo ataque” do PP á identidade de Galicia

Visita do Apalpador a María Ortega no Pazo Provincial
Visita do Apalpador a María Ortega no Pazo Provincial / Deputación de Pontevedra

O grupo provincial do BNG critica que a Deputación de Pontevedra eliminara da programación de Nadal as actividades do Apalpador que o anterior goberno provincial recuperara no ano 2015

Para os nacionalistas, a supresión do Apalpador é un exemplo da "nula sensibilidade e interese por defender a lingua e as tradicións galegas" do novo goberno provincial do PP.

A deputada María Ortega, anterior responsable da área de Lingua na institución provincial, ve nesta eliminación “un novo ataque” do PP á identidade de Galicia, pois a figura do Apalpador recuperouse co ánimo de promover o uso e dinamización do galego entre a xente miúda e preservar as tradicións propias, en concreto o Nadal en Galicia.

"As actividades do Apalpador eran un momento de ‘amor’ ao Nadal galego co ánimo de non ceder ante protagonistas alleos", destaca María Ortega, que considera que a súa supresión unicamente se pode entender dentro da ideoloxía "máis rancia e antigalega" do PP provincial.

María Ortega critica tamén que a Deputación deixa os concellos sen a programación provincial habitual a menos dun mes de que comecen as festas e lembra que as actuacións eran solicitadas por concellos de todo signo político, tanto populares, socialistas como nacionalistas, e tiñan un grande éxito de público.

En 2022, os espectáculos foron presenciadas por máis de 10.000 persoas e a deputada do BNG lembra que o custo económico da iniciativa apenas ascendía arredor de 300 euros por concello.

A nacionalista tamén destaca que a figura do Nadal galego aproveitaba para falar do necesario respecto ao ambiente, de hábitos alimenticios saudables e de igualdade. “Unha figura así, que defende a lingua, só lle pode molestar a quen tamén nega o cambio climático, a quen permite que os menús escolares sexan de pésima calidade como comprobamos nos centros de ensino da provincia -ou a base de pizza e hamburguesa como defendía Ayuso en Madrid-, ou a quen xustifica as políticas máis sexistas e contrarias aos dereitos da muller da ultradereita", sinala Ortega.