O BNG denuncia a "discriminación" de Poio nos orzamentos da Xunta

Poio
31 de outubro 2022

Marga Caldas salienta que "o proxecto de orzamentos segue ignorando dúas actuacións vitais para o desenvolvemento de Poio" como é a mellora integral da PO-308 e o Vial do Vao

Membros do BNG na PO-308 no treito A Barca-Andurique
Membros do BNG na PO-308 no treito A Barca-Andurique / BNG de Poio

O BNG valora o proxecto de orzamentos da Xunta para o 2023 como "decepcionantes" e que "certifican a discriminación do concello de Poio xa que non contemplan ningunha das grandes, necesarias e urxentes infraestruturas para o desenvolvemento do concello e para a mellora da calidade dos seus veciños e veciñas".

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, a concelleira e candidata do Bloque á alcaldía, Marga Caldas e o deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, lamentaron que no proxecto de orzamentos "só se contemplan pequenas partidas previamente comprometidas, algunha das cales están pendentes desde hai moitísimos anos".

Os tres incidiron na necesidade de acometer de forma "urxente" a mellora integral da PO-308 nos treitos A Barca-Andurique e Travesía de Combarro, unhas zonas de grande densidade de tráfico "onde se producen con demasiada frecuencia accidentes con graves consecuencias", unha demanda reiterada en numerosas ocasións polo Concello de Poio, así como a construción do Vial do Vao, un vial de 600 metros e un orzamento de 2,2 millóns de euros, que xa estaba previsto no Plan MOVE de 2010 e que tiña que estar rematado xa no 2015.

A candidata á alcaldía de Poio polo BNG, Marga Caldas, afirmou que "é urxente acometer estas melloras", xa que "sen elas estará mermada a posibilidade do municipio e non haberá nin accesibilidade nin seguranza viaria nestas zonas tan densamente poboados".

Tanto Luís Bará, como Marga Caldas e Luciano Sobral anunciaron que o BNG vai presentar emendas aos orzamentos para que se inclúan estas e outras actuacións vitais para o municipio, e que se anunciarán nos vindeiros días.