A responsable local do BNG de Poio, Marga Caldas, denunciou "a grave situación e colapso que estamos a sufrir na atención primaria e que esta poñendo en risco incluso o servizo de tarde dada a falta de facultativos".
Segundo Marga Caldas o persoal sanitario vive unha "situación de presión" que se reflicte nas listas de agarda dos centros de saúde de Raxó, Combarro e Anafáns "como consecuencia da decisión da Xunta de Galiza de non substituír ao persoal sanitario cando está de baixa ou de permiso".
Afirma o Bloque que nestes centros hai esperas de máis de 30 días para unha primeira cita telefónica co médico de familia e para as analíticas. Sinalan que moitas persoas que precisan dun seguimento personalizado e "agora non poden ser atendidos".
"O persoal sanitario está a soportar unha sobrecarga de traballo, chegando mesmo a prolongar a súa xornada laboral, ao ter que atender o cupo de compañeiros e compañeiras", sostén Marga Caldas.
En Poio hai oito médicos para unha poboación de 17.000 persoas, pero nas últimas semanas causou baixa unha médico que atendía polas mañás en Combarro e polas tardes no centro de Anafáns e "a maiores non se cubren as vacacións do facultativo de Raxó e dúas facultativas de Anafáns".
"Vivimos unha situación crítica que non podemos permitir e que temos que denunciar publicamente en conxunto porque esta en xogo a nosa saúde", di a voceira nacionalista.
O BNG de Poio xa trasladou esta situación ao Parlamento Galego e á Valedora do Pobo "e lonxe de mellorar a situación sigue empeorando".
Por iso "dada a pasividade da Xunta" e ante a "situación crítica" da atención primaria de Poio, o deputado do BNG, Luís Bará, vai instar novamente no Parlamento Galego que se cubra de maneira inmediata as baixas por vacacións do persoal sanitario, e que se designe un novo facultativo de maneira permanente a baixa dunha facultativa que cubre de maneira intermitente Anafáns e Combarro.