O grupo parlamentario do BNG presentou este luns no Parlamento galego unha batería de iniciativas en forma de preguntas e proposición non de lei para que o goberno galego "remate dunha vez" o proxecto de dragaxe do fondo da ría e do río Lérez, unha demanda histórica do sector marisqueiro e da navegación deportiva "que leva case dez anos de tramitación e non se dá iniciado".
Para o BNG, a responsabilidade da parálise deste proxecto é da Xunta, "que leva case unha década poñendo excusas para adiar a súa execución".
Luís Bará lembra que o pasado mes de abril, "en plena precampaña electoral", Portos de Galicia anunciou a intención de modificar o proxecto cambiando a zona de vertido dos depósitos, situándoo no exterior da ría de Pontevedra. Esta era precisamente a demanda do sector pesqueiro e marisqueiro para apoiar a dragaxe, e a suposta razón da paralización do proxecto desde 2017.
Unha vez feito este anuncio, o BNG vai solicitar o pronunciamento do Parlamento para que se aprobe e se licite o proxecto definitivo neste ano 2019, co obxecto de que se poida iniciar a dragaxe no ano 2020. O grupo nacionalista tamén pide que se aproben as partidas orzamentarias necesarias para que a actuación se poida executar nunha única fase.