O grupo municipal do BNG de Barro acordou cal vai ser a estrutura do goberno e responsabilidades que asumirán cada un dos concelleiros para este mandato.
Partindo da estrutura do anterior goberno, reorganizáronse as áreas tendo en conta as distintas cualidades e perfís de cada un dos concelleiros.
Así, Roberto Rivas Reboredo seguirá xestionando o departamento de Cultura e Patrimonio, ademais de normalización lingüística; e Amelia Cancela Cancela seguirá á fronte de Benestar Social, Educación e Sanidade.
Rocío Martínez Sartal, unha das novas incorporacións, estará ao frente de Medio Ambiente, Festas e Participación cidadá.
Iván Bello Ferreiro asumirá Obras e Servizos, Medio Rural e Deporte; y Adrián Silva Magdalena será o responsable de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Xuventude.
O funcionamento das distintas áreas de goberno "basearase na cooperación e na interrelación de cada unha das responsabilidades buscando reforzar todas aquelas actuacións que teñan unha maior complexidade", tendo en conta que no goberno só o alcalde terá dedicación exclusiva.