O BNG de Sanxenxo cuestiona o esquecemento da conexión do polígono de Nantes con Vilalonga "desde fai máis dunha década"

Sanxenxo
05 de febreiro 2024

"Esta obra é unha promesa máis incumprida por parte do señor Telmo Martín", afirma o portavoz nacionalista Fran Leiro

Terreos do polígono industrial de Nantes (Sanxenxo)
Terreos do polígono industrial de Nantes (Sanxenxo) /

O BNG de Sanxenxo lembra a este goberno local que no orzamento municipal para o ano corrente non aparece ningunha partida destinada á conexión do polígono empresarial de Nantes coa parroquia de Vilalonga e que é un "proxecto que leva esquecido desde fai máis dunha década".

Sinala a formación nacionalista que se trata dunha actuación "necesaria para garantir o desenvolvemento do polígono", que "daría servizo a miles de persoas de toda a contorna e tamén serviría para desconxestionar o tráfico na PO-550 - que une Sanxenxo con Dena-, e na PO-504 de Vilalonga, facilitando aos veciños desta zona a utilización da autovía do Salnés".

A pesar da necesariedade que reiteran, "esta obra é unha promesa máis incumprida por parte do señor Telmo Martín", afirma o portavoz Fran Leiro, engadindo que o alcalde popular  "mente de forma sistemática aos veciños" sobre esta actuación e referíndose ao anuncio feito "a pasada década" por Concello e Xunta dun investimento de 2,9 millóns de euros para a construción deste enlace.

Ademais deste proxecto, o BNG sanxenxino tamén sinala outras ausencias orzamentarias como a reforma do pavillón do CEIP Florida, ou a ampliación do Centro de Saúde de Baltar. Pola contra, conclúen, o que atopan nese proxecto orzamentario son "máis impostos e máis débeda, sen esquecer os soldos incrementados polo equipo de goberno".