O BNG de Ribadumia pide a dimisión do alcalde David Castro

O Salnés
05 de setembro 2024

Entre os motivos expostos, o BNG destaca a cancelación do pleno ordinario de setembro por non enviar a convocatoria e documentación en prazo aos concelleiros

David Castro, alcalde de Ribadumia, no centro da imaxe
David Castro, alcalde de Ribadumia, no centro da imaxe / Concello de Ribadumia - Arquivo

A Asemblea Local do BNG de Ribadumia solicita a dimisión do alcalde David Castro e o seu equipo de goberno, alegando unha serie de irregularidades e problemas na xestión municipal.

Entre os motivos expostos, o BNG destaca a cancelación do pleno ordinario de setembro por non enviar a convocatoria e documentación en prazo aos concelleiros.

A esta circunstancia suma os "atrasos habituais" en asuntos relevantes como a aprobación de contas e orzamentos, o inicio tardío das obras no colexio, coincidindo co comezo do curso escolar e a falta de actuación ante os problemas de tráfico e aparcamento no casco urbano, malia unha moción presentada hai un ano polo BNG.

Tamén denuncian a inacción fronte aos excesos de velocidade no centro da vila, que preocupan á veciñanza.

E expoñen tamén que unha sentenza xudicial  condena ao Concello por uso discriminatorio das instalacións deportivas da Senra.

A portavoz do BNG, Vanessa Fariña, critica especialmente a falta de planificación nas obras do casco urbano: "Cremos que antes de comezar unha obra da envergadura da que están levando a cabo debería facerse un estudo que teña en consideración todo o centro e non soamente unha rúa".

O BNG considera que estes feitos, xunto coa xestión xeral do goberno municipal, son "motivos máis que suficientes para pedir a dimisión de David Castro e o seu equipo".