O BNG acaba de emitir un comunicado onde cualifican como "feito totalmente irresponsable" o ocorrido este mércores no pleno do Concello de Vigo onde o PSOE e o PP aprobaron conxuntamente instar á Xunta a realizar pola vía de urxencia o transvasamento do río Verdugo. Algo que, sinala o Bloque, "xa se demostrou cos estudos feitos por técnicos que é totalmente innecesario, inviable e que non resolve nada".
Para o BNG o resultado desta votación no concello vigués "demostra o pouco peso político que o PP e o PSOE dos concellos afectados teñen a nivel nacional e da incoherencia manifesta na que se desenvolven".
O Bloque Nacionalista Galego forma parte do goberno local de Ponte Caldelas xunto ao PSdeG-PSOE e a Agrupación Veciñal (AVP).
Os nacionalistas sinalan que mantiveron sempre unha postura coherente, "non como o PSOE que en Ponte Caldelas vota en contra, en Vigo a favor e no Parlamento abstense, nin como o PP que en Ponte Caldelas está contra o transvasamento, en Vigo a favor e no Parlamento galego votou en contra da iniciativa do BNG para paralizalo".
Finalmente o Bloque acusa ao PSOE e o PP de preferir "ningunear a Ponte Caldelas e Soutomaior e sacrificar o benestar e o futuro destes concellos, para acadar un puñado de votos en Vigo".