O BNG de Marín solicita a creación de áreas recreativas para cans

Marín
24 de abril 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín anuncia o lanzamento dunha campaña de recollida de sinaturas para solicitar ao goberno municipal a creación de áreas recreativas específicas para mascotas caninas no concello

Perro playa Lourido
Perro playa Lourido / Mónica Patxot

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín anuncia o lanzamento dunha campaña de recollida de sinaturas para solicitar ao goberno municipal a creación de áreas recreativas específicas para mascotas caninas no concello, áreas onde os cans poidan estar soltos sen risco de sancións e onde se minimicen os problemas de seguridade.

Segundo xustifican, esta iniciativa busca mellorar a convivencia e a integración das mascotas na vida comunitaria dos espazos públicos.

A primeira mesa informativa para a recollida de sinaturas estará dispoñible o xoves, 25 de abril, a partir das 11:00 horas na rúa Almuíña. 

En xuño de 2022, o BNG xa tiña presentado unha moción solicitando a creación dun parque canino nos terreos do INVIED, xunto ao río Lameira. 

O grupo municipal nacionalista di agora que a demora en atender esta necesidade social levou ao BNG a "tomar acción directa para recoller o apoio popular necesario para urxir ao goberno municipal a actuar".

"É vital que o noso concello recoñeza a importancia das áreas de esparcemento para as mascotas, que non só benefician aos animais senón tamén aos seus propietarios e á comunidade en xeral", afirmou a voceira do BNG Lucía Santos.