O BNG de Marín acusa ao Concello de favorecer a viabilidade dun aparcadoiro subterráneo de pago

Marín
12 de decembro 2017

A agrupación nacionalista asegura que o goberno local persegue a eliminación de prazas de aparcadoiro na vía pública co obxectivo de favorecer a construción dunha instalación subterránea

Avenida de Ourense en Marín
Avenida de Ourense en Marín / Mónica Patxot

Para o BNG de Marín, o goberno local persegue coas súas recentes actuacións e proxectos a eliminación das prazas de aparcadoiro en superficie co obxectivo de favorecer a viabilidade dun aparcadoiro subterráneo de pago.

Así o asegura a portavoz da agrupación nacionalista, Pilar Blanco, para quen " xa o indicaba o estudo que se encargou para estudar a viabilidade técnica,  xurídica e de explotación da parcela de usos cedida polo Porto de Marín".

Segundo o BNG, as obras do chamado 'proxecto urbano para Marín' levan a eliminación de zonas de aparcadoiro para vehículos "coa escusa de humanizar". Desta forma "o que se consegue de facto, non é mellorar a vida da cidadanía, senón reducir de maneira salvaxe a posibilidade de poder aparcar en superficie", acusa Blanco.

Entre estas actuacións a agrupación política sitúa as prazas de aparcadoiro comprendidas entre a rotonda das Áncoras e Cantodarea, ou a redistribución de espazos anunciada para a Avenida de Ourense. Ademais denuncian a "repartición masiva e sen control" de colectores de lixo que eliminan máis zonas de estacionamento para vehículos.