O BNG de Cerdedo-Cotobade presenta un plan de reactivación económica

Cerdedo-Cotobade
05 de maio 2020

O voceiro do grupo municipal do BNG, Ernesto Filgueira, anunciou que "na vindeira Xunta de Portavoces presentareille ao alcalde unha proposta con medidas precisas que eviten o cese de actividade de moitos autónomos de Cerdedo-Cotobade"

Ernesto Filgueira, voceiro do BNG de Cerdedo-Cotobade
Ernesto Filgueira, voceiro do BNG de Cerdedo-Cotobade

O BNG de Cerdedo-Cotobade vén de presentar un plan de reactivación económica de emerxencia e insta á modificación dos orzamentos municipais.

O voceiro do grupo municipal do BNG, Ernesto Filgueira anunciou que na vindeira Xunta de Portavoces "presentareille ao alcalde unha proposta con medidas precisas que eviten o cese de actividade de moitos autónomos de Cerdedo-Cotobade".

Ernesto Filgueira ten como obxectivo consensuar medidas de reactivación económica con "partidas concretas e ben definidas" que permitan darlle osíxeno aos pequenos empresarios e autónomos do concello, priorizando medidas para minimizar o impacto da crise laboral que se achega e evitar unha brecha social.

Así pois, as principais medidas son axudas directas para autónomos e pequenas empresas, reforzo da partida dos servizos sociais, posta en marcha dunha campaña promocional a prol da actividade comercial local, presionar ás suministradoras a mellorar a liña de internet ou no seu caso a crear a estructura precisa para contarmos cunha capacidade de rede óptima que permita e incentive o traballo online.