O BNG de Cerdedo-Cotobade presenta alegacións contra o parque eólico de Pedra Longa

Cerdedo-Cotobade
16 de agosto 2022

O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, sostén que "temos que defender o noso territorio e facerlle fronte á invasión de proxectos eólicos que nos amenzan"

O BNG de Cerdedo-Cotobade amósase en contra do parque eólico de Pedra Longa
O BNG de Cerdedo-Cotobade amósase en contra do parque eólico de Pedra Longa / BNG de Cerdedo-Cotobade

O BNG de Cerdedo-Cotobade vén de presentar alegacións ao proxecto de parque eólico de Pedra Longa, que afecta aos concellos de A Estrada, Forcarei, e á parroquia de Tomonde. Un proxecto que comparte liñas de evacuación co das Penizas, e que se suma aos outros parques en tramitación que afectan a este concello (Campo das Rosas, Porto Vidros, As Penizas, Siroco, Tramontana, Rula e Os Cotos).

En palabras de Ernesto Filgueira, o BNG fai súas as alegacións promovidas pola asociación Petón do Lobo, “un estudo amplo, serio e rigoroso que detalla afectacións a recursos hídricos, á paisaxe, á avifauna, ademais de afectar a espazos da Rede Natura, como a serra do Cando e a serra do Candán”.

Desde o BNG esixen que se faga unha planificación seria e rigorosa dos parques eólicos, analizando o impacto na súa globalidade, e con criterios de transparencia, participación, sustentabilidade, e con repercusión económica na zona. “Non é de recibo que saturen o noso territorio de muíños de vento, coas súas correspondentes infraestruturas, sen un estudo serio e completo das súas afectacións", sinala Filgueira.

“Basta xa de traballar para favorecer o negocio das eléctricas. Precisamos unha enerxía, limpa, xusta, que deixe beneficios nas comunidades nas que se instalan e que coiden e protexan o noso medio natural, social e cultural", alega.

Arquivado en