O BNG de Cerdedo-Cotobade acaba de presentar no rexistro do Concello unha moción na que solicita ao goberno local a adopción de medidas de tipo económico e social encamiñadas a axudar a familias e empresas a superar a crise económica derivada do estado de alarma e a pandemia do coronavirus.
O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, pide o reforzo da partida de Servizos Sociais que axude ás familias máis vulnerables e contribúan a reducir a fenda dixital dos nenos en idade escolar. Neste sentido, solicita ao goberno local que poña todos os medios posibles para mellorar a rede da internet no municipio.
Ademais, propoñen a posta en marcha dunha campaña de promoción do comercio local e do consumo de produtos de proximidade.
Son conscientes na agrupación local do Bloque que estas medidas non bastarán para sobrevivir á crise, por iso fan fincapé na necesidade dun pacto de todos os partidos galegos para a elaboración dun Plan Galego de Reactivación Económica e Social que debe ser aprobado no Parlamento Galego.