A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao ministro de Transportes, Óscar Puente, de "perder toda a credibilidade" cando en tan só quince días eleva "por arte de maxia" o custe do rescate dos 4.000 aos 6.000 millóns de euros, polo que o instou a facer públicos os informes nos que se basea.
"A sensación que dá é que está debilitando a posición negociadora do Estado á hora de rescatar a AP-9 porque máis que defender o interese xeral dos galegos e das galegas, parecera que está defendendo os intereses de Audasa", denunciou a líder nacionalista.
Nunhas declaracións en Lugo, o ministro sumou este venres aos 4.000 millóns do custo do rescate da concesión entre 1.260 e 2.600 millóns de euros máis no tocante a transferir as competencias.
"Desde luego el Ministerio de Transportes no tiene más de 6.000 millones para afrontar el rescate. Pero en fin, si alguien pone el dinero y nos dice de dónde sale, nosotros encantados de rescatarla y de transferirla", manifestou Óscar Puente.
"Porque para pedir, bueno, pues nos apuntamos todos. Pero tenemos que ser conscientes de cuáles son las consecuencias de la petición y, a partir de ahí, pues que saque cada uno sus conclusiones", engadiu o ministro nun acto no que, entre outros, tamén asistiu o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que prometeu a gratuidade da Ap-9 en campaña das pasadas eleccións autonómicas.
Tamén o portavoz do Partido Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, saíu ao paso destas declaracións do ministro para reclamar ao Goberno de España que elabore un estudo "serio e minucioso" sobre o custo de rescatar a AP-9 de peaxes.
Pazos reprochou que o titular de Transportes ofrecese cifras dispares en apenas unha semana de diferenza, polo que considerou que o seu "rigor é francamente mellorable".
Compre lembrar que esta semana o Congreso dos Deputados aprobou iniciar a tramitación dunha proposición de lei do Parlamento galego para a transferencia da autoestrada e tamén deu luz verde, coa abstención do PSOE, a unha moción do Bloque para suprimir as peaxes na autoestrada e anular a concesión da estrada a Audasa ata 2048.