O grupo provincial do BNG criticou a "total eliminación das políticas de memoria histórica da Deputación de Pontevedra" no último ano e a "representación finxida" que suporá a presencia de representantes do Partido Popular nos actos do Día de Galiza Mártir na honra de Alexandre Bóveda o vindeiro 17 de agosto.
A deputada María Ortega, responsable de Memoria Histórica no anterior mandato, sinalou que "o actual goberno provincial aplicou un drástico recorte de financiamento que rematou nunha ausencia total de actividade na área durante o último ano".
Por isto, ao seu entender, acudir novamente este próximo sábado á celebración na honra do galeguista, tal como fixo o vicepresidente Rafael Domínguez o pasado ano, "só pode representar unha nova escenificación simulada e hipócrita se non se recupera o traballo real pola verdade, a xustiza e a reparación".
Ortega destaca que os únicos actos relativos á Memoria por parte da Deputación en todo o último ano foron asistir ao acto de homenaxe a Bóveda do Concello de Poio en agosto de 2023, e as reunións coa Fundación Bóveda e a Fundación Castelao, prometendo traballo conxunto a futuro "sen que nada se concretase".
Neste ano 2024, o orzamento reduciuse nun 67%, "e só se organizou unha presentación dun libro que fora impulsado polo anterior equipo de goberno".
Pregúntase tamén a nacionalista que está a facer o persoal que conforma o negociado que está adscrito á área: "Cales son os seus encargos? Ou está a cobrar por non facer nada?", sostén.