O BNG conxúrase a saír "a por todas" e "pelexar cada voto ao PP"

Pontevedra
16 de xaneiro 2024

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luis Bará, mantivo este martes un encontro con representantes comarcais do Bloque, aos que dixo que "ter un resultado histórico está ao alcance da man"

Encontro de Luis Bará con representantes comarcais do Bloque
Encontro de Luis Bará con representantes comarcais do Bloque / Mónica Patxot

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou este martes que "hai partido" o vindeiro 18F  e chamou á formación nacionalista "a saír a por todas e pelexar cada voto ao PP para empezar un tempo novo en Galiza co Bloque á fronte da Xunta".

O nacionalista así o asegurou nun encontro de traballo para programar a campaña electoral con representantes comarcais do Bloque na comarca (A Lama, Barro, Caldas, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Soutomaior e Valga, ademais de integrantes de Galiza Nova). 

Bará destacou que será unha campaña "ilusionante, mobilizadora, con máis actos e reunións ca nunca" e subliñou que contará coa implicación de toda a organización "casa por casa e porta a porta" para conseguir "un resultado histórico".

Bará destacou que "desbancar ao PP da Xunta é posible porque hai unha maioría social que quere cambio", máis do 60% da poboación, segundo sinalou. Apuntou en que hai "unha grande oportunidade" porque "o BNG está co vento a favor porque medra, integra e chega a acordos, e o PP que vai a menos cun candidato gris e mediocre que non ilusiona, e porque a xente ve que hai desgoberno na sanidade, ensino, transporte, infraestruturas...", asegurou.

Para o cabeza de lista aos comicios autonómicos do 18 de febreiro estas non son unhas eleccións calquera, senón "unha cita coa historia", polo que "é fundamental pelexar cada voto das persoas que quere cambio, buscalos debaixo das pedras e concentralos no BNG", xa que o vindeiro goberno da Xunta ao seu entender vaise decidir por moi poucos votos. Lembrou, de feito, que nas eleccións galegas do 2020 o PP conseguiu o último deputado en tres provincias, na de Pontevedra en concreto, só por 96 votos.

"Pensade o importante que é o que fagamos cada un de nós. Hai un gran ambiente, non hai que ser conformistas, hai saír a por todas. Dende aquí ata alá hai pelexar cada voto porque estamos en condicións de gañar cada voto ao PP", subliñou, para engadir que a decisión da poboación estará "entre votar a unha Ana Pontón ilusionante que promete mellorar Galiza ou un Alfonso Rueda cun proxecto rutineiro e esgotado que deixa un legado desastroso para o país".

Como arranque de precampaña Luís Bará fará este mércores unha xira na que percorrerá máis de 300 quilómetros en apenas doce horas para visitar todas as comarcas da provincia, facendo paradas en Lalín, A Estrada, Pontecesures, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vilaboa, Vigo, Tomiño e Mondariz Balneario co fin de expoñer propostas do Bloque en diferentes áreas.

Arquivado en