O BNG considera "sexista e inapropiado" o cartel de San Migheleiro

Marín
22 de setembro 2023

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresou a súa preocupación e xa instou ao Goberno Municipal de Marín a retirar o seu apoio ao cartel promocional para a festividade de San Migheleiro, programada para o vindeiro 30 de setembro

Cartel promocional para a festividade de San Migheleiro 2023
Cartel promocional para a festividade de San Migheleiro 2023 / BNG de Marín

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) expresou a súa preocupación e xa instou ao Goberno Municipal de Marín a retirar o seu apoio ao cartel promocional para a festividade de San Migheleiro, programada para o vindeiro 30 de setembro. 

O BNG basea a súa solicitude na presenza de contido "sexista e inapropiado" no cartel, que amosa o deseño dunha boneca Barbie con complementos "e promove o consumo de alcol".

Lucía Santos, portavoz do BNG, recoñeceu a "boa intención" da organización ao empregar a imaxe desta boneca, "dada a popularidade da súa película". Non obstante, considera que "o deseño do cartaz non é o apropiado e transmite unha imaxe negativa ao empregar o rol da imaxe feminina e perfecta da boneca Barbie, asociando a cor rosa ás mulleres". 

Asemade, expresou o seu "descontento" polo "uso dun xoguete infantil para fomentar do consumo de alcol", en referencia ao "kit de cervexa" que aparece no deseño do cartel.

O BNG insta ao Goberno Municipal a retirar o seu apoio á difusión desta publicidade que "perpetúa estereotipos de xénero e que xerou malestar entre a veciñanza polo seu contido sexista e inapropiado". 

Santos subliña que "dende a Concellaría de Igualdade debería garantir o cumprimento dos obxectivos de cara a avanzar cara unha sociedade igualitaria e non promover mensaxes que vaian en contra da normalización neste ámbito".