O BNG considera que "ENCE é unha amenaza para a seguridade do abastecemento de auga"

Pontevedra
30 de agosto 2023

O deputado do BNG, Luís Bará, rexistrou unha serie de preguntas parlamentarias e unha proposición non de lei para que o goberno galego adopte medidas para garantir que prevaleza o abastecemento á poboación da ría de Pontevedra

Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galicia
Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galicia / BNG

O deputado do BNG, Luís Bará, rexistrou unha serie de preguntas parlamentarias e unha proposición non de lei para que o goberno galego adopte medidas para garantir que prevaleza o abastecemento á poboación da ría de Pontevedra. 

Para Luís Bará, "nun escenario de prealerta por seca, e prevendo que se prolongue no tempo a escaseza de precipitacións, a Xunta debe facer prevalecer o abastecemento ás case 140.000 persoas que se surten da captación da presa de Bora fronte as necesidades de captación de enormes cantidades de auga por parte de empresa ENCE".

E máis alá da situación conxuntural destes meses, Bará afirmou que "a Xunta debe asumir dunha vez unha realidade evidente tendo en conta o contexto do cambio climático: a presenza de ENCE en Pontevedra e as súas necesidades de captación de auga do río Lérez son incompatíbeis coa garantía de abastecemento de auga para o consumo humano".

O BNG esíxelle á Xunta que explique os resultados das probas da reutilización da auga da EDAR dos Praceres por parte da empresa, as previsións ao respecto e o canon que pagaría ENCE polo uso da auga depurada na EDAR. Segundo Bará, "agardamos que Augas de Galicia non estea pensando en regalarlle á empresa a auga cuxo tratamento paga a cidadanía da contorna, cun canon que a Xunta acaba de incrementar sensibelmente".

Por último, o Bloque reclámalle á Xunta que "desista do seu trato de favor a ENCE" e afirman que "nin o mal chamado Pacto Ambiental nin toneladas de propaganda poden ocultar unha realidade que é contundente: ENCE é unha amenaza para a seguridado do abastecemento urbano aos concellos de Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu".