O BNG comprométese a poñer fin a discriminación do rural e vixiar o bo uso dos fondos europeos

Umia
30 de xuño 2020

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu que rematar coa discriminación do rural galego é un dos compromisos do BNG de cara ás eleccións do 12 de xullo

Ana Miranda en Caldas de Reis
Ana Miranda en Caldas de Reis / BNG

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu que rematar coa discriminación do rural galego é un dos compromisos do BNG de cara ás eleccións do 12 de xullo.

"Se Ana Pontón é presidenta tras as eleccións galegas investirá os fondos europeos tanto para solucionar os problemas que ten a veciñanza cos servizos de telefonía, internet e subministro eléctrico, pero tamén para que os ríos e as rías galegas teñan augas limpas", salienta.

Además Ana Miranda lamentou que "nesta época marcada polas consecuencias da pandemia, na que a recomendación sigue sendo o teletraballo resulta inadmisible a discriminación do rural, que en moitos casos sigue tendo a telefonía do plan Fraga", critica a portavoz do Bloque en Europa.

Precisamente o BNG presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea polo incumprimento dos obxectivos da Estratexia Europa 2020, cuxo obxectivo principal é a implantación da banda ancha. "Galiza é a segunda comunidade autónoma con menor implantación do Estado español, o que repercute na brecha dixital en numerosos fogares afectados polos efectos da crise económica causada pola pandemia", explica Miranda.

"DESLEIXO DO PP"

Na segunda parte da xornada Ana Miranda fixo un percorrido ao longo do río Umia, xunto ao concelleiro Manuel Fariña, dando continuidade ao traballo do cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luis Bará. A respecto da presenza continuada de nanobacterias contaminantes no río Umia, os nacionalistas denunciaron o "terrible o esquecemento que ten o PP durante anos pola situación medio ambiental desta comarca, que non se preocupa pola calidade das nosas augas".

Ana Miranda lembrou que xa hai dous anos o BNG presentou unha pregunta ante a Comisión Europea sobre a contaminación do embalse do Umia, causada pola presencia da cianobacteria Microcystis. "Unha proba da ineficacia da Xunta é que sigan existindo estas bacterias, problema que o BNG vén denunciando desde hai anos", manifestou, ao tempo que asegurou que o BNG no goberno galego "a calidade da auga será unha prioridade, cumprindo escrupulosamente a Directiva Marco da Auga".