O BNG Cerdedo-Cotobade reármase para "presentar nas vindeiras municipais un proxecto gañador"

Cerdedo-Cotobade
11 de xaneiro 2022

O BNG de Cerdedo-Cotobade acaba de de reelixir por unanimidade a Anxo Santomé como o seu responsable local e aposta polo economista Joám Romero como vice responsable. Ernesto Filgueira continúa a ser o seu candidato

Anxo Santomé e Joám Romero
Anxo Santomé e Joám Romero / BNG de Cerdedo-Cotobade

O BNG de Cerdedo-Cotobade acaba de de reelixir por unanimidade a Anxo Santomé como o seu responsable local e aposta polo economista Joám Romero como vice responsable. 

Este é o resultado dunha asemblea na que se fixo balance do traballo realizado nos últimos anos e se sentaron as bases desta nova etapa, na que Anxo Santomé asegura que "no BNG estamos en condicións de presentar nas vindeiras municipais un proxecto gañador para Cerdedo-Cotobade". 

Santomé fixo un balance positivo do traballo do BNG nos últimos anos, nos que chegou "a todos os currunchos do concello", incrementou substancialmente a militancia e configurou ao BNG "como a única alternativa ao PP en Cerdedo- Cotobade".

"Somos un proxecto que demostrou, cos seus actos, solvencia, coherencia e proximidade cos veciños e veciñas e as súas necesidades", insiste Santomé. Ademais, destaca que ten "a honra" de encabezar un equipo humano "excepcional", formado por mulleres e homes cunha grande capacidade de traballo, con ideas claras para desenvolver o concello e cunha ilusión por transformar as cousas en positivo.

O responsable nacionalista tamén saca peito de que levaron ante as institucións competentes as demandas veciñais na procura de solucións, sexan de saneamento, de seguridade viaria ou de defensa do tecido produtivo local. Fixeron, segundo insiste, unha oposición "construtiva" cun único obxectivo: "o benestar dos homes e mulleres de Cerdedo-Cotobade".

Este traballo a pé de rúa permitiulles "coñecer polo miúdo a situación do municipio" e está a servir de base para articular o seu programa de goberno. Convencidos de que Cerdedo-Cotobade precisa un cambio de rumbo e deixar atrás "as inercias que nos impiden avanzar", o BNG preséntase como un partido que está en condicións de dar un gran salto nas vindeiras eleccións municipais e colocar a Ernesto Filgueira á fronte da Alcaldía, cun "goberno capaz, dialogante, transparente e resolutivo".

Joám Romero explica que hai moitos retos por diante, entre eles, "a loita contra o espolio eólico que se pretende facer no municipio, coa conivencia da Xunta do PP".

Sobre os proxectos eólicos en tramitación, lembra que desde o primeiro minuto o BNG estivo do lado da veciñanza, informándoa dos proxectos que lles afectaban "ante o silencio da administración galega e municipal" e "acompañándoa na rúa nas súas xustas reivindicacións". 

Os eixos do seu programa serán impedir o espolio eólico, mellorar os servizos, dinamizar o tecido económico local, mellorar a seguridade viaria e desenvolver unha proposta cultural ampla, variada e decidida nas parroquias.