As obras do Gran Montecelo avanzan con "gran celeridade", segundo os seus responsables. O 85% da escavación necesaria para construír o novo edificio hospitalario, uns 290.000 metros cadrados, xa está feita. "É un esforzo sen precedentes", segundo Ethel Vázquez.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade visitou este mércores o hospital de Pontevedra para comprobar o avance destas obras de ampliación que, segundo reiterou, estarán terminadas "a finais de 2023 ou principios de 2024".
A futura área de Urxencias, que contará con servizo para adultos e zona pediátrica, "xa ten a estrutura levantada", segundo detallou Vázquez, que celebrou o "bo ritmo" que levan estes traballos, executados pola UTE formada por Ogmios, Copasa e Puentes.
Ademais, os responsables das obras xa contan coas autorizacións pertinentes para poder realizar voaduras e actuar en zonas de roca e en breve comezarán a traballar no retranqueo da liña de gas soterrada que, segundo a conselleira, son traballos "complexos".
Para poder financiar estas obras, a Xunta de Galicia recolleu unha partida de 35,54 millóns de euros nos seus orzamentos para 2022, o que converten ao Gran Montecelo, de longo, no principal proxecto para a cidade de Pontevedra durante o próximo exercicio.