O Biblioverán enche Soutomaior de lectura ao aire libre

Soutomaior
13 de setembro 2024

A última edición do Biblioverán, celebrada dende o 20 de xuño ata o 11 de setembro de 2024, pechou cun balance "moi positivo". Durante estes meses, a Biblioteca Pública Luís Seoane levou os seus servizos a distintos espazos ao aire libre no Concello de Soutomaior, achegando a lectura e actividades culturais a zonas de lecer, especialmente para o público infantil  

Biblioverán 2024
Biblioverán 2024 / Concello de Soutomaior

A última edición do Biblioverán, celebrada dende o 20 de xuño ata o 11 de setembro de 2024, pechou cun balance "moi positivo". Durante estes meses, a Biblioteca Pública Luís Seoane levou os seus servizos a distintos espazos ao aire libre no Concello de Soutomaior, achegando a lectura e actividades culturais a zonas de lecer, especialmente para o público infantil.

O programa desenvolveuse en lugares como o Peirao, Veiguiña Longa, en Comboa, e a Xunqueira de Arcade. Ademais de ofrecer un espazo de lectura ao aire libre, o Biblioverán destacou pola variedade de actividades de animación á lectura, que incluíron contacontos, teatro, obradoiros, campionatos de xogos de mesa, e a posibilidade de realizar préstamos e devolucións de libros. Tamén se fomentaron as lecturas compartidas entre os asistentes.

Durante os case tres meses de duración do programa, participaron máis de 450 persoas, cunha media de asistencia diaria de 34 persoas en xuño, 28 en xullo e 48 en agosto. En total, realizáronse 85 préstamos, unha cifra que triplica os 26 préstamos rexistrados o ano anterior.

A concelleira de Cultura de Soutomaior, Silvia Cernadas, destacou que "este ano ampliamos o servizo de Biblioverán debido á alta demanda por parte das veciñas e veciños do concello. Así, pasamos de menos de dous meses o ano pasado a case tres meses de actividades. Ademais, este ano incluímos actividades todos os días, sendo os xogos de mesa un dos maiores éxitos entre os asistentes".

O obxectivo principal desta iniciativa foi manter o hábito lector durante o verán, facilitando o acceso a préstamos, devolucións e lectura sen que fose necesario desprazarse á biblioteca.

Dende a Biblioteca Municipal e a Concellería de Cultura mostraron a súa satisfacción polo éxito da iniciativa e pola boa acollida que tivo entre a veciñanza.