"O barrio de Altamira tamén existe" e busca unir forzas para reivindicar máis limpeza e coidado

Pontevedra
02 de xullo 2022

Farois, portais e muros da contorna de San Antoniño e Altamira están cheos desde hai días de carteis cos que a veciñanza anuncia que este domingo 3 de xullo se celebrará unha reunión co obxectivo de crear unha plataforma ou asociación para defender o barrio. Esta semana presentaron un escrito no Concello coas súas peticións e demandando dúas reunións con concelleiros

Convocatoria dunha asemblea na rúa Altamira
Convocatoria dunha asemblea na rúa Altamira / Mónica Patxot

"O barrio de Altamira tamén existe!". É a reivindicación que colga desde hai días por farois, portais e muros da contorna das rúas San Antoniño e Altamira de Pontevedra, o lema central dunha serie de carteis cos que a veciñanza anuncia que este domingo 3 de xullo se celebrará unha reunión co obxectivo de crear unha plataforma ou asociación para defender o barrio. 

Esta reunión chega días despois de que un grupo de veciños que representa a oito comunidades de propietarios e 21 vivendas presentara un escrito no Concello de Pontevedra para demandar a mellora e limpeza do barrio. 

O escrito, datado o 27 de xuño, esta mesma semana, solicita dúas reunións cos concelleiros de Parques e Xardíns e Urbanismo para abordar as súas peticións, que se centran fundamentalmente na limpeza periódica e coidadosa dos xardíns e nunha "posta en valor, coidado e mellora" do barrio. 

En relación cos xardíns, piden unha reunión urxente co concelleiro e lembran que xa solicitaron en varios escritos que, ademais da limpeza dos xardíns da parte inferior que se realiza regularmente, se realice unha limpeza nos xardíns da parte superior, que "figuran como dominio público e son igualmente titularidade do Concello"

En canto á mellora do barrio, lembran que é dos anos 60 e xunta máis de 180 familias. Consideran que o proceso debe comezar pola mellora das escaleiras finais da rúa Fernando Olmedo, "a parte máis desleixada e degradada do barrio", e que debe pasar por un "debate amplo, con participación activa da veciñanza".

Todos estes asuntos recollidos no escrito presentado no Concello vanse abordar na reunión deste domingo, prevista para as 18.00 horas e á que están convidadas todas as persoas que residan ou teñan propiedades na zona de Altamira, Villar Ponte e San Antoniño.