O barrio de Altamira constitúe unha asociación e pide que se aplique nesta zona o "modelo Pontevedra"

Pontevedra
04 de xullo 2022

A entidade naceu dunha reunión celebrada na tarde deste domingo baixo o lema "O barrio de Altamira tamén existe!" co obxectivo de "conseguir unha serie de melloras necesarias acordes ao modelo de humanización proposto para a cidade de Pontevedra"

Reunión de residentes na rúa Altamira e a súa contorna
Reunión de residentes na rúa Altamira e a súa contorna / Asociación de Veciños de Altamira

A veciñanza da rúa Altamira e a súa contorna acaba de constituír unha asociación para reivindicar a mellora do barrio. A entidade naceu dunha reunión celebrada na tarde deste domingo baixo o lema "O barrio de Altamira tamén existe!"

A Asociación de Veciños de Altamira nace, segundo explican, co obxectivo de "conseguir unha serie de melloras necesarias acordes ao modelo de humanización proposto para a cidade de Pontevedra", isto é, de que se aplique a esta zona do centro da cidade o chamado 'modelo Pontevedra'.

Desde o colectivo fan unha serie de demandas ao Concello de Pontevedra e van solicitar unha reunión formalmente e por rexistro dixital para pedir "axuda e colaboración" por parte das autoridades.

Entre as súas demandas figura un proxecto e actuacións de mellora na humanización do espazo público, dacordo ao resto da cidade e ao número de residentes na rúa Altamira. As súas peticións son: pavimento e asfaltado de calidade na rúa, soterramento e renovación do tendido eléctrico da rúa, mellora dos sumidoiros pluviais e residuais, tomas de gas cidade ao longo da rúa, soterramento das liñas de teléfono e fibra óptica, luminaria led renovada suficiente para toda a rúa e as escaleiras, varandas e pasamáns no xardín da barriada atendendo á diversidade e as necesidades dos veciños e veciñas, bancos para sentarse e maior ornamentación urbana e coidado da estética da rúa

Tamén piden a promoción da conservación e rehabilitación das casas e dos edificios acordes a unha estética común e conservada nas propias fachadas e proxectar o arranxo e a regularización municipal das conexións da rúa. Falan, en concreto, das escaleiras que unen con Fernando Olmedo, moi transitadas pola cidadanía, que denuncian que se atopan "nun estado lamentable de peralte, de estrutura e de estética" e que son "completamente inseguras para a cidadanía".

Consideran que o barrio tamén precisa limpeza municipal e coidado dos espazos públicos e xardíns e maior control de pragas e máis presenza dos servizos urbanos de limpeza, eliminando grafitis e deficiencias estéticas na barriada causadas polo vandalismo.

O colectivo insiste no control e maior presenza das forzas de seguridade (a Policía Nacional e a Policía Local) para evitar as situacións de vandalismo e desorde público.

Entre as súas demandas tamén figura pedir ao Concello una maior aposta pola dinamización da vida da barriada e das rúas máis próximas (as rúas San Antoniño, Fernando Olmedo, Vilar Ponte, entre outras). 

As demandas complétanse coa necesaria creación dunha zona de estacionamento para residentes