O barrio de Altamira converteuse este sábado en espazo de convivencia e confraternidade veciñal con motivo da celebración da segunda edición do seu magosto popular. Como xa fixeran o ano pasado, veciños e veciñas déronse cita coincidindo coa celebración do San Martiño para compartir castañas asadas e diversión.
A festa comezou a partir da unha da tarde e tivo un importante compoñente gastronómico, pois non faltaron as castañas asadas típicas desta celebración e tampouco comida caseira preparada pola propia veciñanza. Chouripán e a súa alternativa vegana, viño e cervexa completaron o menú.
A festa estivo amenizada pola actuación do grupo musical tradicional 'Os Alegres', Non DJs DJs Set e o músico Aladino Barros.
O barrio encheuse de actividade con propostas lúdicas para os cativos: xogos tradicionais a cargo de 'Ventos', Obradoiro de grafiti urbana da man de Culebra Studio e Obradoiro de Terrarios Efímeros gracias a Estudo Bonobo.
Para que o magosto puidese celebrarse con tranquilidade e seguridade, a rúa Altamira pechouse ao tráfico e o Concello de Pontevedra instalou unha carpa, mesas e bancos.