O bar de Portocelo, a concesión por dous anos e unha renda mensual de 236 euros

Marín
16 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ata o próximo 22 de abril poderán presentar as súas ofertas todas as persoas interesadas en explotar o bar de Portocelo, en Marín. A concesión será por dous anos, con posibilidade de prórroga doutros dous, cunha proposta de renda mensual de 236 euros, máis IVE

Bar de Portocelo
Bar de Portocelo / Concello de Marín

Ata o próximo 22 de abril poderán presentar as súas ofertas todas as persoas interesadas en explotar o bar de Portocelo, en Marín. A concesión será por dous anos, con posibilidade de prórroga doutros dous, cunha proposta de renda mensual de 236 euros, máis IVE.

A Plataforma de Contratación do Sector Público ten xa subido o anuncio para sacar adiante esta nova contratación, a través de procedemento aberto e en réxime de alugueiro, no que toda persoa interesada poderá presentar unha proposición. 

Trátase do edificio situado na zona arborada fronte á praia de Portocelo, que está destinado ao servizo de restauración, ocio e entretemento, cun espazo que inclúe tanto o inmoble como a zona de terraza elevada e con vistas á praia de Portocelo. 

A duración do arrendamento será de dous anos, cunha posible prórroga de dous anos máis. Esta prórroga será solicitada polo contratista con, polo menos, dous meses de antelación á finalización da actual concesión. 

A renda mensual por explotar o local será de 236 euros, máis IVE, sendo o valor total do contrato, tendo en conta as eventuais prórrogas, de 11.328 euros. 

O local deberá estar aberto de 12.00 a 20.00 horas, durante polo menos catro días á semana, e durante toda a época do ano, a excepción do peche de vacacións dun mes, que de todos os xeitos nunca poderá ser durante a época estival (de maio a setembro).

Ademais, nos pregos recóllese que o Concello de Marín terá dereito a usar o espazo cinco días ao ano para a realización de actos de interese público.

Será por conta do adxudicatario a adaptación interior que sexa preciso realizar para a explotación do local, así como os gastos de mantemento, tendo que asumir as obras de reforma, reparación ou conservación das instalacións.

No caso de querer modificar o espazo exterior, sempre será con previa autorización do Concello. 

Tamén correrán a cargo do adxudicatario todos os impostos relativos ao exercicio da actividade. 

Ademais, a persoa que resulte adxudicataria estará obrigada a conservar en perfecto estado a instalación unha vez remate o tempo da concesión. Por outro lado, a cadro de persoal que faga falta contratar para o correcto funcionamento do servizo tamén será por cargo do adxudicatario.