O Banco de Alimentos recolle en Pontevedra e Portonovo preto de 5 toneladas de comida

Pontevedra
19 de setembro 2016

Para a acción solidaria desenvolvida durante o venres e o sábado en dúas superficies comerciais, a ONG mobilizou a uns 40 voluntarios que facilitaron a entrega de comida en horario ininterrompido

Voluntarios do Banco de Alimentos
Voluntarios do Banco de Alimentos / Banco de Alimentos

A Fundación Provincial Banco de Alimentos recolleu esta fin de semana preto de 5 toneldas de comida na Operación Quilo simultánea celebrada en Pontevedra e Portonovo, segundo o cómputo realizado este luns no almacén da rúa Faustino Santalices.

A recollida de alimentos desenvolvida na cidade de Pontevedra traduciuse nuns 3.500 quilos de comida, mentres que no caso de Portonovo foron uns 1.500 quilos.

Durante esta acción solidaria desenvolvida o venres e o sábado en dúas superficies comerciais, participaron uns 40 voluntarios que, coa súa presenza, facilitaron as doazóns por parte da cidadanía. Precisamente, a eles é a quen agradece a ONG a súa sensibilidade cos que peor o están pasando.

A Fundación xa ten a súa vista posta na Gran Recollida Solidaria prevista o 25 e 26 de novembro.

Unha cita fundamental para a que o Banco de Alimentos leva meses traballando na que será a súa cuarta edición. Como en anos anteriores, será unha acción simultánea que se desenvolverá en supermercados e hipermercados de toda España e tamén a nivel europeo.

Durante a edición de 2015 foron máis de 300.000 quilos de alimentos os doados pola cidadanía nos máis de 130 establecementos da provincia que se sumaron á iniciativa solidaria. Nela, participaron uns 1.500 voluntarios e a embaixadora foi a actriz viguesa María Castro.

Nos seis primeiros meses de 2016, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu uns 600.000 quilos de comida, un 20% máis que durante o mesmo período de 2015.