Un éxito. Así pode cualificarse a Gran Recollida Solidaria organizada pola Fundación Provincial Banco de Alimentos durante esta fin de semana en supermercados da provincia.
A organización superou os 300.000 quilos de alimentos recadados, a falta do reconto oficial. Esta cifra garante poder atender a demanda das preto de 25.000 persoas que atende na provincia ata a próxima primavera.
"Estamos profundamente emocionados coa resposta masiva da cidadanía que, sen dúbida, púxose na pel do que non ten e achegou o seu gran de area", sinala o presidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira.
Na Gran Recollida participaron durante venres e sábado 1.700 voluntarios, repartidos en 170 supermercados de Vigo, Pontevedra, O Morrazo, Redondela, Ponteareas, Porriño, Mos, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés e Deza.
A Fundación Provincial Banco de Alimentos entrega cada día unha media de 4.000 quilos de alimentos, ou o que é o mesmo, uns 100.000 quilos de alimentos ao mes. Durante 2015, a entidade entregou 1,7 millóns de quilos de comida, un 30% máis que durante o ano anterior.