Debido ao coronavirus, as recollidas presenciais de alimentos para os máis necesitados foron canceladas. Por iso, o Banco de Alimentos decidiu substituílas por un evento virtual. A ONG, acompañada de rostros coñecidos, activou a súa primeira Operación Quilo online.
A campaña deseñada co hashtag #yoayudoalbancobueno xorde para dar resposta á mobilización solidaria dun grupo de Whatsapp, encabezado polo cantante Amaro Ferreiro e no que tamén está o seu irmán, Iván Ferreiro, a escritora Ledicia Costas, o surfista Gony Zubizarreta ou o xornalista Gonzo, actual presentador de Salvados en laSexta.
Tras incrementarse de maneira substancial a petición de alimentos por parte dos colectivos sociais, o Banco de Alimentos habilitou a compra de cestas solidarias con distintos produtos básicos, a través da súa web www.bancoalimentosvigo.org.
O doante poderá sumarse á campaña online adquirindo tres tipos de cestas con alimentos por importe de 10 euros, 20 euros e 30 euros, así como poderá prefixar unha cantidade de diñeiro calquera que tamén se traducirá na adquisición de comida.
Desde a ONG agradece publicamente esta iniciativa social e anima á cidadanía para realizar as súas doazóns vía online para poder seguir arroupando ás familias sen recursos.
Desde que se decretou o estado de alarma polo coronavirus, o Banco de Alimentos seguiu adiante co seu labor humanitario, aínda que rebaixou o número de voluntarios presentes nas súas instalacións.
Na actualidade, adiantáronse xa todas as entregas de alimentos do mes de abril e repartíronse tamén os máis de 300.000 quilos de comida procedentes do Fondo de Axuda Europea para os Máis Desfavorecidos.
Día a día, persoal do Banco de Alimentos recolle ademais os excedentes de distintas superficies comerciais e entrégaos directamente aos comedores sociais aos que axuda.