O balneario, as pozas públicas e as saunas dos Baños do San Xusto abrirán en 2021

Cerdedo-Cotobade
31 de maio 2020

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, subliñou que a obra, que se iniciou o pasado mes de xaneiro e sufríu certa paralización pola crise sanitaria do coronavirus, vai en prazo, polo que estímase que estará rematada no mes de novembro para, a continuación, sacar a licitación a concesión, explotación e xestión do recinto termal público

Visita técnica aos Baños do San Xusto
Visita técnica aos Baños do San Xusto / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de anunciar que o complexo termal dos Baños do San Xusto, actualmente inmerso na súa rehabilitación, abrirá ás súas portas ao público na primeira metade do ano 2021 con balneario, pozas públicas, saunas e zonas de lecer e esparcemento natural.

O rexedor anunciou o cronograma tras coñecer todos os detalles no marco da primeira visita técnica realizada ao interior do recinto coa directora de obra, Cristina García, o director técnico, José Luis Barros, e o responsable de obra da empresa Coviastec.

Durante o percorrido, detallouse ao alcalde a situación do traballo, que neste momento céntrase no chorreo da pedra da antiga minicentral e futuro balneario, que se está a efectuar con area para favorecer o seu lucido e respectar a súa fisonomía de antano. Neste inmoble, que xa ten abertas grandes fiestras para reforzar o contacto coa natureza e co río Lérez dos futuros usuarios dos baños, tamén se están a nivelar as trabes de ferro para a inmediata instalación doutras de madeira e prevese que na vindeira semana arranque a colocación das perchas da cuberta.

Así mesmo, e segundo lle explicaron os responsables da obra a Cubela, tamén se está a acometer a reconstrución dos muros de pedra desta contorna antes de comezar, tamén en breve, coa recuperación dos catro muíños para a súa reconversión en saunas, que estarán subministradas por equipos móbiles.

Con esta situación, o alcalde subliñou que a obra, que se iniciou o pasado mes de xaneiro e sufríu certa paralización pola crise sanitaria do coronavirus, vai en prazo, polo que estímase que estará rematada no mes de novembro para, a continuación, sacar a licitación a concesión, explotación e xestión do recinto termal público.

A obra consiste na rehabilitación da antiga minicentral en balneario con capacidade para vinte persoas nos baños e o resto nas zonas de descanso e relax, que son moi precisas pola forza das augas sulfurofluroadas que deben tomarse espaciadamente; a recuperación dos muíños e da casa do muiñeiro en saunas acristaladas; a reconstrución das antigas bañeiras para o seu uso libre como pozas públicas; a restauración dos edificios anexos e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna; e unha reordenación integral con espazos de lecer naturais, fontes cubertas para beber as augas, sendas, plataformas de madeira, accesos, urbanización e acondicionamento da vexetación.

"Trátase dun proxecto único de carácter público na provincia de Pontevedra, que nos permite recuperar unha zona de gran valor patrimonial e natural e convertela nun atractivo turístico de máximo nivel no que a auga e a natureza serán os grandes protagonistas", explicou Cubela, que tamén valorou a súa importancia por tratarse da primeira actuación do Pacto pola Paisaxe de Galicia, polo que está financiada integramente pola Xunta con 680.000 euros.