"Ence fóra da ría para sempre". Ese é o lema que desde este xoves pódese ler na pancarta que foi despregada no balcón da Casa Consistorial da praza de España.
Trátase, segundo o alcalde de Pontevedra, da "demostración" de que as forzas políticas representadas na corporación "maioritariamente" teñen unha posición "moi clara" a favor de recuperar a ría para o goce de todos os pontevedreses e, por tanto, quixo facer un chamamento a que a manifestación deste venres sexa "contundente" para rexeitar unha decisión do Goberno "que non é definitiva".
Miguel Anxo Fernández Lores considera que a mobilización social "debe facer reflexionar" aos que tomaron a decisión de avalar a continuidade da pasteira en Lourizán, para evitar repetir un "erro" que se cometeu hai máis de 50 anos "a punta de bayoneta", ao autorizarse a instalación da fábrica na ría durante o franquismo. "Isto é unha cacicada, unha canallada", reiterou o alcalde que ve ao PP ao servizo da empresa "dunha forma clara".
Como un "ataque inadmisible" cualificou, pola súa banda, o portavoz do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, esta prórroga a Ence ante a que, dixo, "hai que defenderse e pasar ao contrataque". Entende que con esta pancarta "estamos facendo o que nos demandan os veciños que nos votaron", reflectindo o "sentir maioritario" da cidadanía e esixindo á Xunta que "busque alternativas" para defender os intereses dos pontevedreses.
"Ence e o PP teñen que ter moi claro que isto non fixo máis que empezar. Seguiremos loitando o tempo que faga falta. Non lle vai a ser fácil", reiterou Fernández, que augura que con esta postura o Partido Popular converterase nunha forza política "residual" en Pontevedra.
Tamén Marea Pontevedra sumouse a este acto ao entender que a decisión de prorrogar a permanencia de Ence "vai prexudicar a moitas xeracións de pontevedreses", segundo o seu portavoz, Luís Rei. Considera que na cidadanía "estamos quentes" ante esta cuestión, polo que pediu un apoio "masivo" á manifestación deste venres, así como que esta "repulsa popular" teña novos episodios e se manteña "ao longo do tempo".
PP E CIUDADANOS CRITICAN O USO "PARTIDISTA" DO CONCELLO
A colocación desta pancarta desatou as críticas entre os partidarios da prórroga a Ence como Partido Popular e Ciudadanos.
Desde as filas populares, César Abal lamentou que o "balcón de todos" se use para actos "partidistas", porque entende que nesa pancarta "non están representados" todos os pontevedreses. O edil do PP acusou ao BNG de querer "enfrontar a uns veciños con outros" e avanzou que estudarán presentar unha moción no Pleno a este respecto porque "é normal a discrepancia, pero non é normal desde aí".
Pola súa banda, a portavoz de Ciudadanos, María Rey, coincidiu en que o grupo de goberno "no puede utilizar las instalaciones municipales en su beneficio", ao entender que son propiedade de todos os pontevedreses. Asegura que o balcón do Concello utilizouse de novo para "réditos políticos propios" e acusou a BNG e PSOE "que cuando estuvieron en la Xunta no quitaron Ence" de utilizar este asunto "para tapar las deficiencias que tiene esta ciudad".