Case 557.000 euros. É o que se encarecerán de xeito global a construción do baipás de Mollavao e a reforma integral nas rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar. O Concello tivo que revisar os prezos de licitación debido ao atraso que acumularon ambos os dous proxectos.
Así, o vial que unirá Rosalía de Castro coa Avenida de Marín pasa dun orzamento de 938.824 euros a un novo de 1.279.762 euros, un 36,32% de diferenza. Son case 341.000 euros máis.
O segundo dos proxectos, que depende da execución do primeiro, vería aumentado o seu custo en preto de 216.000 euros, é dicir un 9,67%, pasando polo tanto dos 2.231.108 euros iniciais aos 2.446.858 euros.
En total, os dous proxectos suman un orzamento total de 3.726.621 euros. O edil responsable das infraestruturas municipais, César Mosquera, explicou que esta suba é "para evitar que queden desertos" os procesos de licitación.
As revisións de prezos foron encargadas aos redactores dos proxectos orixinais, xunto con algúns retoques a maiores de ambas as dúas obras. Así, o baipás terá beirarrúas máis anchas e materiais de maior calidade e máis acordes cos utilizados no resto da cidade.
O último trámite administrativo que queda pendente para poder iniciarse o proceso de licitación e a posterior adxudicación é un permiso de Adif, que houbo que solicitar de novo tras caducar o que se pedira no seu día.
Mosquera agarda que nas próximas semanas este permiso se materialice e os servizos poidan licitar as súas obras xuntas. O obxectivo segue a ser adxudicalas a finais de ano e que os traballos comecen no primeiro trimestre de 2025.