O 'avó' do CAAN atopa un novo fogar cunha familia de Cardiff

O Salnés
25 de abril 2022

Ata Cardiff, a capital de Gales, viaxou Posto, o can que máis tempo levaba sendo coidado no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Este staffordshire terrier fora recollido en Redondela en xullo do ano 2018 cando era un cachorro

Posto (á dereita) no seu novo fogar en Gales
Posto (á dereita) no seu novo fogar en Gales / Deputación de Pontevedra

Ata Cardiff, a capital de Gales, viaxou Posto, o can que máis tempo levaba sendo coidado no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra.

Este staffordshire terrier fora recollido en Redondela en xullo do ano 2018 cando era un cachorro e a súa adopción foi posible grazas á mediación dunha rede de persoas voluntarias.

Grazas a ela, contactouse cunha das fundadoras da asociación británica Five Circles Dog Rescue, que é galega e reside no Reino Unido, que axudou a buscar un fogar para el.

A saída de Posto do CAAN tiña a priori máis dificultades xa que en España a súa raza está catalogada como potencialmente perigosa. Non ocorre o mesmo nas illas británicas, e o can está coa súa nova familia en Gales, a onde chegou a pasada Semana Santa.

"É un animal  moi vital e estamos felices de que por fin teña conseguido un bo fogar. Leva só uns días en Cardiff, pero está a adaptarse moi ben", sinalan desde a capital galesa.

A saída de Posto leva consigo outra boa nova, que é xa non hai no CAAN animais que leven no centro máis de dous anos, no marco do obxectivo da Deputación de que os cans pasen o menor tempo posible nas instalacións e acaden a súa adopción.

Neste momento, os cans máis veteranos son Solo e Pasalo, ambos cunha idade de oito anos e que están acollidos desde o 2020, cando foron recollidos en Marín e Sanxenxo respectivamente.

No que se refire ao animal de maior idade, é a cadela Puri, que conta con once anos e fora recollida no concello do Porriño.

A adopción destes cans é agora a prioridade que se marca a institución provincial.

Desde o 1 de xaneiro tramitáronse xa un total de 184 adopcións, todas elas en territorio nacional e a maioría en Galicia (153), seguida por Castela e León (28). Madrid, a Comunidade Valenciana e Asturias adoptaron un cada unha delas.

Das formalizadas na comunidade, 134 adopcións foron na provincia de Pontevedra, oito na Coruña, oito en Lugo e tres en Ourense.