O secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, confirmou este luns que o AVE entrará en funcionamento sen a subestación eléctrica de Bértola.
O Ministerio de Fomento, pon en marcha o plan B. Ante a imposibilidade de ter a tempo a subestación eléctrica do AVE proxectada no municipio de Vilaboa, recorrerase temporalmente a unha solución alternativa.
Así explicoullo este luns este alto cargo do Ministerio ao goberno local de Vilaboa e unha representacion dos veciños afectados na reunión celebrada na Subdelegación do Goberno, na que tamén participaron representantes de Rede Eléctrica Española.
Segundo explicou Manuel Niño, os técnicos de Fomento tiñan un "tiempo límite, hasta el pasado mes de enero" para tomar unha decisión. Mais unha vez que o Concello denunciou, ao estar pendente dos tribunais o proxecto de construír unha subestación en terreos da parroquia de Bértola, tiveron que recorrer a unha solución alternativa para poñer en servizo a liña de alta velocidade do Eixe Atlántico, "antes de final de este año".
"Los primeros estudios que hemos hecho nos indican que nosostros podemos durante los primeros años resolver este problema de alimentación eléctrica", recorrendo ás subestacións xa construídas, explicou Manuel Niño, que subliñou que esta é unha solución provisional supeditada, entre outras razóns, "a la demanda o al éxito del servicio durante los próximos años, que nosotros pensamos que será importante", apuntou.
O secretario xeral de Infraestructuras indicou que "creo que habrá que esperar a que se pronuncien los tribunales", pola súa banda Fomento "ha analizado otras alternativas" polo que unha vez que a AVE entre en funcionamento e se resolva o recurso contencioso, "será la Xunta y Red Eléctrica Española quienes tendrá que analizar cuales son las demandas de energía eléctrica en el futuro y tomar las decisiones oportunas".
Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro (PSOE), sinalou que "non temos unha solución clara e concreta porque agora durante tres anos, os veciños non saberemos que vai a facerse coa subestación".
A tenente de alcalde, Ornela Fernández (BNG), explicou que "teremos que seguir coa vía xudicial pero tamén pelexar coa mobilización veciñal para demostrar que estamos en contra desa localización concreta e insistindo en que hai outras alternativas mellores", como emprazar esta infraestrutura nuns terreos cedidos pola comunidade de montes de Vilaboa lonxe dos núcleos poboados "agora a pelota queda no tellado de Rede Eléctrica".
Finalmente os veciños sinalaron que tras a reunión lles quedou claro que "la estación no es imprescindible, el AVE puede ir sin esa Subestación, lo que pasa es que tienen otras intenciones económicas para vender esa energía a diferentes empresas, que es la base de todo eso".