O avance das obras en Barcelos deixará desde o luns un único carril de circulación na praza

Pontevedra
07 de marzo 2023

Así, a partir do próximo luns 13 de marzo, os operarios comezarán a traballar no tramo entre Perfecto Feijóo e Vasco da Ponte. É, segundo o edil de Obras, Demetrio Gómez, a fase "máis complexa" das abordadas ata o momento en Barcelos

Obras nos viais perimetrais da Praza de Barcelos
Obras nos viais perimetrais da Praza de Barcelos / Mónica Patxot

A ausencia de choivas e o bo ritmo de traballo que leva a empresa adxudicataria das obras de reforma das vías perimetrais de Barcelos supoñerán un adianto no calendario trazado inicialmente para abordar esta actuación.

A estes cambios contribúe tamén o atraso que se está rexistrando na subministración da pedra que dará forma ao novo pavimento da praza, que provocará que se acometan outras fases das obras antes do previsto, para evitar un parón nos traballos.

Así, a partir do próximo luns 13 de marzo, os operarios comezarán a traballar no tramo entre Perfecto Feijóo e Vasco da Ponte. É, segundo o edil de Obras, Demetrio Gómez, a fase "máis complexa" das abordadas ata o momento en Barcelos.

Non só por ser o tramo de maior lonxitude, uns 200 metros, senón porque é o primeiro tallo de obra que afectará de cheo aos garaxes e comercios da parte máis ao leste de Barcelos. 

Mentres que os traballos realizados ata a data só se renovaron as canalizacións de pluviais, neste tramo ademais destas haberá que renovar as redes de abastecemento, saneamento ou iluminación, mantendo "expeditas" as entradas a vivendas e negocios.

Neste caso, anunciou o concelleiro do BNG, será o primeiro tramo de obras que afectará o tráfico rodado na praza. O tránsito peonil quedará garantido en todo momento, pero os coches só poderán circular nun único sentido, desde Perfecto Feijóo cara á Rúa Rouco.

Será ademais o sentido de circulación que quedará tras completar as obras, aínda que durante os próximos meses haberá momentos nos que, por cuestións técnicas, se recupere o dobre fluxo de tráfico.

O plan de obra prevé manter os aparcamentos de servizos durante toda a obra, polo menos no lado que non se vexa afectado polas actuacións que se estean realizando.