O proxecto de reforma integral do Auditorio Emilia Pardo Bazán avanza cos traballos de illamento e accesibilidade do edificio, así como a insonorización de varias estancias na segunda planta, a renovación do ascensor e a substitución da cuberta.
A actuación céntrase agora na remodelación do patio de butacas do salón de actos, así como a ampliación do escenario para que poida estar operativo no mes de outubro.
A obra conta cunha subvención de 1.479.000 euros procedente do programa de axudas para rehabilitación de patrimonio público que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A totalidade dos traballos está previsto que conclúan en decembro.
No novo proxecto contémplase melloras de iluminación, renovación da climatización do espazo, a substitución completa da cuberta, así como melloras tecnolóxicas que axuden a convertelo nun edificio eficiente.
O Pazo Emilia Pardo Bazán, construído en 2002, é o equipamento público con máis departamentos relacionados coa cultura e educación do municipio. Alberga a Biblioteca, a Escola de Música Municipal, a Banda de Música Municipal, o Centro de Arte, a área de Animación Sociocultural, Educación de Adultos e o departamento de Orientación Laboral.
Ademais do salón de actos, o edificio conta con catro salas polivalentes para o desenvolvemento de distintas actividades e un local de ensaio para a Asociación Cultural Abiñadoira.
O obxectivo da reforma é conservar a esencia do edificio cunha revisión en profundidade da cara exterior da fachada, así como a das terrazas e os patios exteriores e o seu mantemento. Ademais, farase unha mellora de accesibilidade desde o centro urbano con estacións de recarga de coche eléctrico e aparcamentos para bicicletas e patinetes.
A reforma supoñerá, por tanto, a mellora da envolvente térmica do edificio, a optimización dos sistemas de climatización, un aforro enerxético en luminarias, o consumo de auga e a aposta pola mobilidade alternativa, medidas de illamento acústico, solucións de accesibilidade sensorial e cognitiva no auditorio e a integración coa contorna.