Un alumno do grao de Comunicación Audiovisual da facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo e outro de primeiro curso de bacharelato do IES A Xunqueira lograron o, a priori, complicado reto de resumir os atractivos turísticos dos municipios que integran a mancomunidade Terras de Pontevedra nun post para difundir en redes sociais e un microvideo para Facebook de 40 segundos.
Son Pedro Tizón e Isaac Gulías e os traballos realizados convertéronos en gañadores da primeira edición dos Premios de Comunicación Turística que convoca Terras de Pontevedra, premiados con 500 euros cada un (menos impostos).
A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías, deu a coñecer aos premiados este luns nunha convocatoria pública que serviu para entregarlles os seus premios e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o contido dos traballos seleccionados.
Pedro Tizón, estudante universitario de Comunicación Audiovisual, levou o premio por un vídeo de 40 segundos con imaxes e música propias (a banda sonora é obra dun amigo) que repasa algunhas das localizacións de maior atractivo turístico de Pontevedra, Barro, Campo Lameiro, Vilaboa e Marín, cinco municipios integrados en Terras de Pontevedra xunto a Poio, Cerdedo-Cotobade e A Lama.
Este estudante, natural de Pontevedra, explica que o seu obxectivo era "aprovechar 40 segundos al máximo" para mostrar "todos los territorios" e finalmente enfrontouse á situación de que gravou tanto material audiovisual que "tenía brutos para 10 anuncios de 40 segundos".
Isaac Gulías é menor de idade, de modo que o premio concédese legalmente á súa clase de primeiro de bacharelato, pero o gañador real é el a título individual. O traballo premiado é un cartel que, sobre o eixo central da basílica da Peregrina e o lema "Terra de Premios" quere reflectir os atractivos turísticos da cidade do Lérez e a arte rupestre de Campo Lameiro facendo un xogo de palabras con "la cantidad de premios que tiene Pontevedra" ao seu modelo de cidade.
Os premios ían dirixidos ao alumnado de bacharelato, FP e universitario e, na súa primeira edición, presentáronse 73 traballos, 14 microvideos e 59 post para redes sociais.