O Ateneo Santa Cecilia entrega os premios do certame "Marín Conta"

Marín
16 de maio 2017

O Ateneo Santa Cecilia entregará este mércores, co gallo do Día das Letras Galegas, os premios do III Concurso de Relato Curto "Marín conta". O acto, aberto ao público, celebrarase ás 13:00 horas no Museo Manuel Torres

Grupo Añoranza
Grupo Añoranza

O Ateneo Santa Cecilia entregará este mércores, co gallo do Día das Letras Galegas, os premios do III Concurso de Relato Curto "Marín conta". O acto, aberto ao público, celebrarase ás 13:00 horas no Museo Manuel Torres. O xurado, formado por Claudina Fernández, Elena Gallego Abad e Fernando Goldar, destacou a orixinalidade e a variedade temática dos textos escolares presentados ao certame, escritos en lingua galega e relacionados con Marín.

Na categoría de Educación Primaria, cunha abundante participación do alumnado marinense, o primeiro premio foi para a obra titulada "O mexilón e a vieira", de Martín Torres Martínez, alumno do colexio Inmaculada. Tamén pertencen a este centro educativo o segundo e o terceiro clasificados, respectivamente: Daniel Antón Villegas Martínez polo texto "O misterio dos peixes", e Pablo Hermida Meira, autor do relato titulado "O pobo de Marín".

No apartado de Educación Secundaria, a gañadora do primeiro premio foi Ainhoa González Fernández, alumna do IES Mestre Landín e autora de "Fin do xogo". Tamén estuda neste centro a segunda clasificada, Jessica Ogando Chapela, que presentou o relato "O Ford negro", mentres que en terceiro lugar foi elixido o texto titulado "Supervivente", de Ana Barros Fernández, do colexio Inmaculada.

Dende o Ateneo Santa Cecilia agradecen a implicación da comunidade educativa e animan tanto o profesorado como o alumnado a estimular a participación en todos os centros de ensino -tanto da vila como do veciño Praceres-, especialmente no Bacharelato e na Formación Profesional. 

VENRES DO ATENEO

Por outra banda, este venres 19 de maio a programación cultural do Ateneo ofrece dúas actividades que se celebrarán no Museo Manuel Torres: a presentación do libro "Galegocalantes e galegofalantes" coa presenza do autor, Carlos Callón, ás 20:00 horas; e o recital do grupo Añoranza a partir das 21:00 horas, cun repertorio a base de música galega tradicional e composicións propias. 

Arquivado en