Juan Antonio Lusquiños volveu sentar ante un tribunal polo asasinato de Conchi Reguera, a súa ex moza, á que matou o 24 de outubro de 2014 en Ponte Sampaio. O seu obxectivo, que se lle rebaixe a pena de 20 anos de prisión imposta pola Audiencia de Pontevedra por este crime machista.
O autor do crime apelou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao entender que no seu caso concorren as circunstancias modificativas atenuantes de arrebato e confesión e que ningunha delas foron consideradas no seu día.
O seu avogado explicou que, o día do crime, Lusquiños "non tiña plena consciencia da realidade" e que non se atopaba ben psicoloxicamente porque "non superara a ruptura sentimental coa vítima", á que matou por un "arrebato".
Ademais, solicita que se valore a circunstancia atenuante de que confesou matar á súa ex moza, pois o fixo "no momento da súa detención", segundo os feitos probados.
A Fiscalía, pola súa banda, pide que se desestime o recurso e se confirme integramente a sentenza, ao considerar que os argumentos da defensa foron desestimados durante o xuízo e que o acusado "comprendía a realidade, tiña intactas e inalteradas as súas capacidades mentais para comprender o que facía".
Con respecto á confesión, o fiscal entende que non supuxo ningunha colaboración porque "xa se sabía a súa participación nos feitos", polo que rexeita que se lle rebaixe a pena por esta cuestión, do mesmo xeito que fixo a acusación particular.
A sentenza da Audiencia de Pontevedra, onde Juan Antonio Lusquiños foi xulgado por un xurado popular, considerou probado que o acusado esperou á muller nas inmediacións do seu domicilio e que, con permiso da vítima, subiu ao seu coche unha vez chegou.
Lusquiños deu morte a Conchi Reguera, segundo o fallo xudicial, en plenas facultades mentais, por sorpresa e de forma brutal, "sen que ela puidese reaccionar e defenderse". Apuñalouna unha vintena de veces e tan só deixou de facelo porque un home, alertado polos berros da vítima, descubriu o que estaba a facer "e non porque quixese facelo voluntariamente".
Aínda que confesou os feitos cando foi detido, a sentenza concluíu que non considera que isto supuxese ningunha colaboración pola súa banda para esclarecer o crime, posto que nese momento xa se sospeitaba da súa participación nos feitos e abríranse actuacións xudiciais contra el.
Ademais dos 20 anos de cárcere, o autor deste crime machista non poderá residir -e nin sequera acudir- no lugar de Acevedo, o termo municipal de Ponte Sampaio ou a cidade de Pontevedra durante 25 anos, a contar tras a súa saída de prisión, lugar no que se atopa desde que cometeu este asasinato.
A sentenza tamén lle obrigaba a indemnizar aos familiares de Conchi Reguera pola súa morte. En concreto, con 120.000 euros aos seus pais e con 60.000 euros aos seus tres irmáns, a razón de 20.000 euros para cada un.