O asasinato machista de Encarnación Regueiro Rodríguez en Sigüeiro (A Coruña) o pasado venres tamén doe en Pontevedra e a súa comarca e nos dous últimos días foi motivo de concentracións de repulsa.
Este luns, en Poio, gardouse un minuto de silencio no Palacete de Besada en sinal de condena e repulsa polo asasinato machista.
O feminicidio de Encarnación Regueiro a mans do seu marido, Manuel Barbeira Carneiro, tamén foi motivo dunha concentración convocada polo Colectivo Feminista de Pontevedra na tarde do domingo.
A partir das 18.00 horas, o feminismo pontevedrés concentrouse diante da Audiencia Provincial e leu un manifesto no que condenaron a violencia "insoportable" que é preciso parar e que este ano suma xa tres asasinatos machistas en Galicia, máis de medio centenar en España.
Lembrouse a Encarnación Regueiro Rodríguez, de 80 anos, veciña de Oroso, pero tamén a Beatriz Lijó, de 47 anos e con dous fillos, asasinada en Baiona en febreiro e a Ana Vanessa Serén, de 44 anos, que tiña unha orde de protección e foi asasinada en Oia no mes de xuño na porta do seu traballo "porque o sistema fallou e ninguén a protexeu".
Quixeron tamén recordar ás "invisibles", ás que aínda están pendentes de investigación, como Judith Muñoz González, de 37 anos, asasinada no Porriño hai dúas semanas.
"Non podemos normalizar tres asasinatos machistas sen que pase nada", denunciaron, ademais de sinalar que ante cada novo asasinato machista "hai cada vez máis indiferenza e atopamos por parte das institucións e dunha gran parte da sociedade unha simple declaración ritual como se fose inevitable".
O feminismo pontevedrés alertou de que estamos en alerta feminista e en 2023, ademais, "vemos o avance do negacionismo e da banalización e a vixencia da violencia machista". Ante todo iso, demandan unha resposta, romper co individualismo e organizarse para "facernos máis visibles e fortes, para esixir máis e mellores recursos, porque podemos e debemos facer máis".
"Non somos números nin estatísticas, esiximos unha vida libre de violencia machista e que non imos parar ata conseguila e derrubar o patriarcado machista e opresor", pediron.