Este sábado 3, os robots sumergibles lograban tomar imaxes da estrutura metálica atopada polo buque Ártabro en augas de Terranova ao longo do xoves e confirmaban que o pecio pertence ao Villa de Pitanxo, que se afundía o 15 de febreiro de 2022, segundo as fontes que manexa PontevedraViva.
Os robots que leva o buque que traballa na localización gravarán durante os próximos días imaxes das distintas partes do buque marinense afundido co obxectivo de que axuden na investigación das causas que provocaron o naufraxio, tal e como demandan as familias dos 21 mariñeiros falecidos, que aínda carecen dun comunicado oficial por parte do Goberno sobre este achado.
O buque atópase nas proximidades do lugar no que se produciu o fatal naufraxio, onde durante os últimos días está a traballar o Ártabro utilizando un sónar para varrer esta zona co obxectivo de atopar o pesqueiro de 50 metros.
Desta forma, ao longo destas xornadas o Ártabro desprazábase realizando movementos ondulatorios de sur a norte mentres se empregaban as ferramentas de procura, que finalmente permitiron atopar ao barco afundido a unha profundidade aproximada de 800 metros.