O arquivo da causa sobre os presuntos 'enchufes' de Cespa en Pontevedra chegará á Audiencia

Pontevedra
10 de marzo 2016

O titular do Xulgado de Intrucción número 2 da cidade decidiu o arquivo provisional do procedemento, pero o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, decidiu recorrelo, de tal modo que agora a causa chegará á Audiencia Provincial, segundo avanzou este xoves o xornalista Alfredo López Penide en La Voz de Galicia

Rexistros no marco da Operación Patos
Rexistros no marco da Operación Patos / Mónica Patxot

O fiscal xefe da Audiencia Provincial de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, recorreu o arquivo provisional da causa aberta para investigar os presuntos 'enchufes' na contratación do persoal da empresa Cespa para prestar o servizo de limpeza e recollida de lixos do que é concesionaria.

O titular do Xulgado de Intrucción número 2 da cidade decidiu o arquivo provisional do procedemento, pero o fiscal decidiu recorrelo, de tal modo que agora a causa chegará á Audiencia Provincial, segundo avanzou este xoves o xornalista Alfredo López Penide en La Voz de Galicia

O xuíz instrutor, Xermán Varela, recollía no seu auto que procedía ao sobresemento provisional da causa, pero instaba á Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional a realizar novas dilixencias, en tanto entendía que as probas achegadas ata o momento por esa unidade policial "non existen, nestes momentos, indicios sólidos para atribuír concretos feitos delituosos a persoas determinadas".

O fiscal xefe recorreu o arquivo, nun primeiro momento, ante o propio xuíz  instrutor e, ao serlle desestimado, recorreu ante a Audiencia Provincial. 

A investigación, unha peza separada da operación Patos, partía dun informe elaborado pola UDEF no que citaban un documento atopado durante un rexistro na o sede da empresa Cespa e sinalaban que se evidenciarían diversas contratacións de traballadores que serían suxeridas por políticos e técnicos municipais. Entre os citados como 'mentores' destes enchufes estarían o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ou varios edís do grupo de goberno. 

Os axentes conclúen que, en Pontevedra, constan como contratados unhas 14 persoas que, segundo o informe, serían enchufados non só por políticos senón tamén por diferentes técnicos municipais ou mesmo por un axente da Policía Local. Pero o xuíz entende que o documento intervido en Cespa é "de autoría e data descoñecidas" e non supón un "indicio sólido" de que se cometese delito algún.