O arquitecto pontevedrés César Portela ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Pontevedra
17 de xuño 2021

No seu discurso, o tamén Premio Nacional de Urbanismo en 1981 e Premio Nacional de Arquitectura no ano 2000 sinalou que a técnica en arquitectura debe estar sustentada nunha serie de principios científicos, como a lei da gravidade, as temperaturas, a velocidade do vento ou a resistencia do terreo, pero sen renunciar á creatividade e un respecto polo territorio e as xentes que o habitan

César Portela, durante o seu discurso na Real Academia Galega de Ciencias
César Portela, durante o seu discurso na Real Academia Galega de Ciencias / Suso Rivas / Real Academia Galega de Ciencias

César Portela (Pontevedra, 1937), catedrático de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior e Arquitectura da Universidade da Coruña, converteuse no primeiro arquitecto en ingresar como académico numerario da Sección de Ciencias Técnicas da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

Ao acto, celebrado no Pazo de San Roque de Santiago, asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, e outros académicos da institución, así como o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya Fernández; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; e o delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio De Ron Pedreira, entre outros.

César Portela comezou o seu discurso de ingreso, titulado "A boa arquitectura cabalga ao unísono entre a arte e a ciencia", respondendo a unha pregunta xenérica pero crucial. "Que é a arquitectura?". Segundo as palabras do arquitecto pontevedrés, a arquitectura é a "construción do espazo" e a concepción deste espazo, entendida como primeiro soño creativo do feito arquitectónico, é para Portela imprescindible dentro dun proceso creativo moito máis amplo sen o que non é posible a arquitectura.

"Os arquitectos non podemos limitarnos sinxelamente a soñar. Temos tamén que construír, que materializar os nosos soños empregando para iso materiais que debemos coñecer, escoller e traballar para sacarlles o máximo partido de acordo coas súas específicas calidades. A arquitectura é, xa que logo, arte e técnica a un tempo, pero arte e técnica ao servizo da sociedade", expuxo.

Nesta liña, o tamén Premio Nacional de Urbanismo en 1981 e Premio Nacional de Arquitectura no ano 2000 sinalou que a técnica en arquitectura debe estar sustentada nunha serie de principios científicos: a lei da gravidade, a velocidade do vento, o grao de humidade do ambiente, a intensidade do frío ou da calor do lugar, a resistencia do terreo no que se asenta, e a resistencia e características dos materiais empregados.

Matizou que se a arquitectura non ten en conta estas leis científicas, o proxecto en cuestión pode acabar derrubándose ou ser inhabitable debido ao frío, á calor, á humidade ou ás pingueiras que se poden xerar. "Na miña traxectoria profesional, as ciencias axudáronme sempre a materializar, construír e realizar os meus soños formais e espaciais e mais a convertelos logo en realidade", manifestou.

Nun punto máis transgresor, César Portela afirmou que a boa arquitectura non ten por que renunciar ao espectáculo, pero debe conseguir iso a base de "calidade espacial, formal e construtiva, sabendo dar resposta a cuestións fundamentais con solucións arquitectónicas brillantes,empregando elementos construtivos axeitados".

E sen esquecerse do territorio, Portela indicou que a boa arquitectura tamén debe dar resposta, á vez, á escala humana e á escala territorial, á escala dos que a habitan e á do lugar onde se sitúa.

REFERENTE DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA

O membro numerario da Sección de Ciencias Técnicas da RAGC, Pedro Merino, deulle a réplica a César Portela facendo un percorrido polo seu perfil creativo, científico e humano.

Entre outros aspectos, o académico destacou a "inmensa e plural" obra arquitectónica de Portela que abrangue máis de trinta vivendas públicas e privadas, edificios administrativos, culturais e institucionais, e a creación, restauración ou remodelación de espazos públicos.

"As rehabilitacións das casas reitorais de Marín e Pazos de Arenteiro en Boborás, os mercados e lonxas municipais de Bueu e Ribeira, os consistorios de Pontecesures, Cesuras, Forcarei e Brión, os edificios multiusos e casas de Cultura en Vilalba, Cangas do Morrazo, Brión, Vilagarcía, Ponte Ledesma e Meira, e as rehabilitacións das pousadas en cabo Fisterra e Allariz, son exemplos moi valiosos dunha arquitectura dotacional que abrangue desde os primeiros anos 70 do século pasado ata os nosos días", manifestou o membro numerario, á vez que se refería a César Portela como un referente da arquitectura contemporánea.