A Estación Fitopatolóxica do Areeiro propón a retirada de tres árbores da praia da Cabeceira, en Lourido, dous eucaliptos e un piñeiro, e chama a atención sobre outras árbores que aínda que o risco aparente non é elevado, tamén é necesario valorar.
As tres pezas que propoñen retirar neste terreo de Costas son un eucalipto anexo ao que xa caeu e polo que o Concello de Poio solicitou este informe, así como outra peza situada ao outro lado da rampa de acceso á praia, que amosa a copa totalmente desviada cara a estrada debido ao efecto que xeran as copas de todas as árbores da contorna.
Tamén sinalan que é recomendable retirar un piñeiro que está inclinado cara á praia, con ausencia de solo que permita unha boa ancoraxe.
Así figura nun informe elaborado pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro que o Concello de Poio acaba de enviar a Costas. O documento analiza estado das árbores na praia da Cabeceira despois da caída dun eucalipto neste lugar.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, solicitou ao Areeiro que analizase todas as árbores da zona como medida de prevención, e unha vez recibido o informe, remitiuno inmediatamente ao departamento dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica para actuar no lugar e retirar outros tres exemplares que están en risco de caída.
Moldes estivo supervisando os traballos que operarios municipais e empresas locais están realizando na praia de Cabeceira, retirando do areal algas, follas e madeiras arrastrados polos temporais das últimas semanas e protexendo os danos que provocaron no paseo de madeira, para que todo estea na mellor situación posible ante o regreso este luns do marisqueo a Lourido.
Desde o Concello explican que estas actuacións poden verse afectadas polas mareas e o tempo desta fin de semana, que poden provocar que sigan chegando máis algas e restos do temporal á praia.