O aparcamento disuasorio do centro de Sanxenxo bota o peche

Sanxenxo
21 de xuño 2022

O goberno local explica que esta decisión tomouse despois de que os propietarios do chan acordasen deixar de ceder o uso da parcela ao Concello

Sanxenxo perde unha das súas zonas de estacionamento disuasorio (P3) na rúa Progreso
Sanxenxo perde unha das súas zonas de estacionamento disuasorio (P3) na rúa Progreso / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo informa á cidadanía do peche inmediato do aparcamento disuasorio do centro da vila, a situada fronte ao Hotel Terraza.

Explican desde o goberno local que esta decisión debeu adoptarse despois de que os propietarios do chan acordaron nunha xunta non ceder este espazo para manter o estacionamento. Desde o executivo dirixido por Telmo martín aseguran que trataron "ata o último momento" manter o acordo de cesión, "pero non foi posible".

Este mesmo martes procederon xa ao peche da entrada pola Rúa Progreso e os vehículos que estean alí estacionados deberán abandonar o terreo o máis axiña posible. Será a Policía Local a encargada de informar os propietarios dos coches alí estacionados da nova situación.

Este aparcamento contaba cunha superficie para 240 vehículos. Agora, o Concello buscará novas alternativas.