O Concello de Sanxenxo informou que o aparcamento de Nauta pechou en agosto a mellor facturación da súa historia con 182.647 euros recadados, un 24% máis que en 2019 (146.762 euros). As boas cifras económicas obtidas ao longo do que levamos de ano aseguran un récord nas instalacións.
En tan só oito meses o estacionamento suma a segunda mellor facturación desde a súa apertura a só 14.000 euros da mellor en 2019, polo que nos catro meses que quedan para acabar o ano a superará amplamente.
A estancia media de vehículos no aparcadoiro roldou as tres horas e a media diaria de entradas totais foi de 1.149 vehículos. A planta interior do aparcamento acolleu unha media de 891 coches e a exterior, a da Praza do Mar, 258.
Nas fins de semana de agosto, a facturación incrementouse considerablemente respecto ao resto da semana superando algúns días os 7.000 euros.
O incremento da facturación ao longo do ano está a ser compatible coas dúas horas gratuítas que gozan desde 2020 os veciños empadroados no municipio para facilitar así a realización de xestións e compras na localidade. En concreto, o número de veciños abonados a este sistema suman xa 3.079.
Doutra banda, en agosto recolléronse 2.122.640 quilos de lixo en Sanxenxo, un 0,3% menos que en 2019. No conxunto do verán (xuño, xullo e agosto) retiráronse 5.113.018 quilos de residuos, o que supón un 2,2% máis que no mesmo período de 2019.
O Concello destaca que as cifras tanto de recollida de lixo como da facturación do aparcadoiro "son novos datos que veñen confirmar o incremento da actividade turística deste verán".