O aparcadoiro de Xosé Solla estará regulado para dinamizar o comercio local de Soutomaior

Soutomaior
18 de setembro 2024

O alcalde Manu Lourenzo sinalou que o goberno local segue a traballar para dotar de máis prazas de aparcamento gratuítas o núcleo urbano e comercial de Arcade

Obras no aparcadoiro da Avenida Xosé Solla
Obras no aparcadoiro da Avenida Xosé Solla / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior vén de anunciar que o aparcadoiro da Avenida Xosé Solla contará cunha regulación horaria, co obxectivo de fomentar o consumo no núcleo comercial de Arcade. 

Así, de luns a sábado, entre as 8:00 horas e as 14:00 horas, o tempo máximo de estacionamento será de tres horas.

Este aparcadoiro, que se atopa ao carón do cruce de Pierres, contaba antes da ampliación que está a desenvolver o Concello con 15 prazas hábiles para estacionar. Unha vez rematen as obras, o número de prazas incrementarase ata preto das 60, multiplicando a oferta de aparcamento gratuíto.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, enmarcou esta decisión "nun paso máis" do goberno local cara un modelo urbano e de tráfico "máis ordenado, calmado e que favoreza ao comercio local e ao día a día dos nosos veciños e veciñas".

Neste sentido, o alcalde lembrou que esta ampliación do aparcadoiro súmase á habilitación doutra zona de aparcamento na rúa Forneira, que sumou 20 novas prazas gratuítas na zona do Peirao de Arcade. Así, Manu Lourenzo agradeceu "a todas as persoas propietarias de fincas que cederon de maneira desinteresada e gratuíta os seus terreos, xa que coa súa xenerosidade axudan a Soutomaior siga avanzando".