O aparcadoiro situado baixo a praza do Mar, xestionado por Nauta Sanxenxo, incrementou o pasado mes de xullo a súa recadación en comparación co mesmo período do pasado ano, unha tendencia á alza, que se vén mantendo dende a súa inauguración. Así o confirmou o vicepresidente da empresa pública, Jesús Sueiro, quen apuntou un ingreso total de 97.886,33 euros o pasado mes correspondente a 29.290 entradas no aparcadoiro.
A recadación rexistra un incremento superior ao 4,5% xa que en xullo de 2014 a recadación foi de 93.670 euros, unha cantidade que xa supón un importante aumento con respecto ao ano anterior.
En total durante o pasado mes dispensáronse un total de 29.290 tíckets, sendo a media de estacionamento no aparcadoiro de 2 horas e 10 minutos. Os días nos que máis se concentra a rotación de vehículos son os fins de semana, comezando dende o venres.
É precisamente nestas xornadas cando Nauta completa a súa capacidade, prevista aproximadamente 200 vehículos. Segundo as estatísticas que manexa a empresa pública, as noites dos venres, entre as 19 horas e as 5 da madrugada, é cando se rexistra a maior demanda de estacionamento. O mesmo acontece os sábados e domingos entre as 12 horas e as 5 da madrugada.
Dende o goberno local de Sanxenxo suliñan que habilitar de forma provisional a Praza do Mar para dar cabida á demanda de estacionamento durante estas xornada "contribuiría a solucionar un problema e dar un servizo cómodo as persoas que se achegan a Sanxenxo durante o verán". Dende o Goberno local consideran ademais que isto "non supoñería un problema engadido ao tráfico na zona urbana xa que tanto a chegada coma a saída destes vehículos se produce de forma graduada".
"Estes datos son moi positivos e veñen referendar que o equipamento que xestiona Nauta Sanxenxo é punteiro nas prestacións e continuaremos a traballar para mellorar a calidade deste importante servicio que se ofrece", sinalou Jesús Sueiro.